viernes, 29 de mayo de 2026

Solemnidade do Corpus Christi

 





No 2026 a festa do Corpus cae a xoves


A tradición popular dicía con graza e fondura que hai tres xoves no ano que brillan máis ca o sol: o Xoves Santo, o Corpus e o día da Ascensión. Era unha maneira sinxela de lembrar momentos centrais da liturxia católica. Hoxe, por cambios sociais e laborais, só permanece con forza o Xoves Santo, día do amor fraterno, da institución da Eucaristía e mailo sacerdocio. A solemnidade do Corpus ten a súa historia. Celebrouse por primeira vez no ano 1246 en Liexa, en Bélxica, impulsada pola relixiosa Xuliana de Mont Cornillon, quen sentía un profundo amor pola presenza de Cristo na Eucaristía. Anos máis tarde, no 1264, o papa Urbano IV estendeu esta festa a toda a Igrexa. Tradicionalmente celebrábase en xoves, despois da festa da Santísima Trindade.





Co paso do tempo, e por razóns prácticas do calendario social e laboral, en moitos lugares, tamén en España, esta celebración trasladouse ao domingo seguinte, para facilitar a participación dos fieis, aínda que en Toledo e outras cidades de España séguese a celebrar no xoves. Algo semellante ocorreu coa festa da Ascensión do Señor, que desde os primeiros séculos se celebraba corenta días despois da Pascua, tamén en xoves, e que hoxe adoita celebrarse en domingo, aínda que en lugares como Santiago de Compostela se mantén a tradición do xoves como festa grande do pobo compostelá.





¿Por que neste ano se celebra en xoves o Corpus na cidade de Ourense? A recuperación puntual do Corpus en xoves para a cidade de  Ourense ten un significado especial. Trátase dunha oportunidade pastoral concreta. A coincidencia coa visita do papa León XIV a España reorganiza as celebracións do Corpus para que os bispos, acompañados dos fregueses, acudan a o encontro con León XIV, representando dignamente a cada unha das dioceses.





Ao mesmo tempo, a visita do Papa convértese nun sinal dos tempos que debe ser lido con esperanza. Como lembraba o Concilio Vaticano II, a Igrexa está chamada a discernir os signos dos tempos con ollos atentos, buscando responder ás necesidades do presente con espírito de comuñón e sinodalidade. Así, entre tradición e actualidade, entre memoria e futuro, o Corpus en xoves convídanos a mirar máis ao fondo, a “alzar a mirada”. A camiñar xuntos coa confianza de que Deus segue presente no medio do seu pobo.





Cómpre lembrar que a celebración da solemnidade do Corpus non depende exclusivamente da presenza do bispo, aínda que a súa participación lle dá un valor simbólico e pastoral importante. Ao longo dos anos, esta solemnidade foi presidida tamén por responsables eclesiásticos, mantendo sempre a súa esencia: adorar publicamente, dar grazas e celebrar a presenza real de Cristo no Santísimo Sacramento. 







Esta será a cronoloxía da festa do Corpus no xoves, día 4 de xuño: celebración da Eucaristía ás 19.00 horas na Catedral, presidida polo Sr. Bispo e, a continuación, procesión co Santísimo Sacramento polas rúas do Ourense histórico. A cidade de Ourense debe acudir en pleno a esta celebración, preparando a visita do papa León XIV.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.