Sínodo dos Bispos
2023
“Por unha Igrexa
Sinodal: comuñón, compartir, misión”
O domingo, día 10 de outubro, o papa Francisco acaba de celebrar a
apertura do gran sínodo dos Bispos. Será unha viaxe sinodal de tres anos de duración, coa novidade da consulta ás igrexas locais e
"a tódolos bautizados". Constará de tres fases ben diferenciadas: a
fase diocesana, a fase continental e, finalmente, a fase universal. Deste
xeito, este camiño culminará coa Asemblea Xeral Ordinaria do sínodo dos Bispos
no 2023 en Roma. Nas Igrexas diocesanas celébrase a súa apertura neste
domingo, día 17 de outubro, en Ourense, ás 17.00 horas, na S. I. Catedral.
Xa fai tempo que se lle ven dando voltas a esta temática eclesial da
sinodalidade. Pero non ten habido resultados satisfactorios de clarificación e,
sobre todo, da súa aplicación a vida real da Igrexa universal e das Igrexas particulares.
O papa Francisco, consciente da importancia da sinodalidade e da dificultade
que entraña a súa comprensión, colle o touro polos cornos e somete a temática a
unha reflexión eclesial universal.
Segundo o papa Francisco a sinodalidade implica a comuñón de tódolos
bautizados, compromete a participación corresponsable na marcha da Igrexa e,
inevitablemente, empuxa a misión, tanto ad extra como ad intra na Igrexa. Estes
tres eixos son fundamentais e precisan ser ben entendidos, esquecéndonos do que
se viña facendo ata agora. Ben é certo que a Igrexa é unha gran asemblea, unha
gran familia, pero non entendida como comunidade rexida polo sistema
democrático, cousa que nos levaría por outros vieiros non sinodais. "Correríamos o risco de transformar a Asemblea nun
parlamento, introducindo na Igrexa a lóxica da maioría ou da minoría"
O camiño que o papa Francisco nos describe percorre polo encontro cos
demais, pola escoita e polo discernimento. Sendo comuñón temos a obriga de
encontrarnos uns cos outros. Vernos os irmáns, abrírllelo corazón, fundirnos
nun abrazo. Encontrarnos leva consigo escoitarnos uns aos outros, reflexionar
sobre o que nos din e o que lles dicimos; o Espírito de Deus guíanos na
comunicación e na estima persoal. E todo
isto coa capacidade de discernir o que é bo, para asimilalo, e o que é malo,
para rexeitalo de común acordo. Unha Igrexa que camiña con tódolos seus membros
collidos da man.
Galería de Fotos: