jueves, 1 de abril de 2021

Semana Santa

 Xoves Santo na Cea do Señor



Hoxe pola tarde, a partir das 17.00 horas, terá lugar na Catedral a misa “da Cea do Señor”. Destacan tres partes fundamentais: a institución da Eucaristía, o mandamento novo do Señor e o lavatorio dos pés, recordando o que Xesús fixera na última cea cos seus discípulos.

A institución da Eucaristía e máis do sacerdocio, que hoxe conmemoramos, tivo lugar na última cea, que o Señor celebrou cos seus discípulos no Cenáculo en Xerusalén. Sabendo que lle quedaba pouco para estar con eles, o Señor tomou pan, bendiciuno e, dando gracias, déullelo aos seus discípulos dicindo: “tomade e comede todos del, pois isto é o mue corpo que se vai entregar por vós”. E de xeito semellante fíxoo co cáliz: “tomade e bebede todos del, pois este é o cáliz do meu sangue, que se derrama por vós e por moitos para o perdón dos pecado”. E engadiu de seguido: “facede isto en memoria de min”.

O mandamento do amor ven a ser coma a última disposición testamentaria do Señor para os seus discípulos: “douvos un mandamento novo, que vos amedes uns aos outros como eu vos teño amado; nisto coñecerán que sodes os meus discípulos: si vos amades uns aos outros”. E todo no ambiente de unidade: “Pai, que todos sexan un para que o mundo crea”. O lavatorio dos pes, que neste ano vaise suprimir por mor da covid 19, é un xesto que ven a resumir a esencia da ensinanza de Xesús aos seus discípulos. Colleu unha toalla, cinguiuna a súa cintura, axeonllouse e púxose a lavárllelos pés.  E recomendoulles: “o que eu fago con vós, facédeo uns cos outros”, referíndose ao que Xesús ensinara: “o que queira ser o primeiro, fágase o último de todos”, “pois o Fillo de Deus non veu a ser servido, se non a servir e a dar a vida por todos”.

Neste día non podemos esquecer que a colecta de Cáritas é fundamental e que ven a reforzar canto levamos dito, pois as necesidades dos máis pobres e sen teito son moitas e veñen agravadas pola pandemia que estamos a sufrir. As colas de xente pasando polas parroquias a recoller víveres danos razón da importancia que ten o compromiso dos cristiáns ca solidariedade con quen máis o precisa.


Galería de fotos:


























miércoles, 31 de marzo de 2021

Semana Santa

 

Misa Crismal


Hoxe pola tarde, as 19 horas, terá lugar na Catedral a consagración do santo Crisma e a bendición dos óleos dos enfermos e dos catecúmenos. Os señores arciprestes levaranos máis logo as súas zonas para que tódolos sacerdotes os teñan a man en cada unha das parroquias para que os usen en caso de que lles faga falta. Así como para o Santísimo Sacramento temos en cada parroquia o sagrario, así tamén debemos ter un lugar digno e apropiado para a reserva dos santos óleos. O santo Crisma dálle nome a misa de este día. Polo santo crisma recibimos a plenitude do Espírito Santo e configurámonos con Cristo, de quen recibe o seu nome este aceite consagrado. Utilízase nos bautizos, na confirmación, na ordenación dos sacerdotes e dos bispos e na consagración ou dedicación dos templos. O óleo dos catecúmenos úsase no bautismo e confire a forza necesaria para poder vivir a fe de maneira comprometida ao longo da vida. O óleo dos enfermos úsase para a unción dos enfermos en caso de enfermidade grave ou por conta dos moitos anos que se van tendo, que sempre son un risco que hai que ter en conta. Os enfermos reciben por esta unción a saúde do corpo e máis espírito e disponnos para unirnos ao Señor despois da morte.



Hoxe é tamén unha xornada eminentemente sacerdotal. Polo bautismo todos participamos do sacerdocio do noso Señor Xesucristo. É o sacerdocio común dos fieis. Pero tamén é un día no que o sacerdocio ministerial ten un apartado moi sinalado, xa que nesta xornada de convención sacerdotal renóvanse as promesas sacerdotais. Na misa crismal, presidida polo Sr. Bispo e concelebrada polo presbiterio diocesano, renóvanse o compromiso de cumprir os deberes propios do ministerio,  o compromiso de dispensar os sagrados misterios pola celebración da eucaristía e dos demais sacramentos, e o compromiso de ser fieis no desempeño do ministerio da predicación e da acción caritativo social. ¡Que bo día para rezar pola santidade dos sacerdotes e por tódolos cristiáns para que vivamos e valoremos os sacramentos que Deus pon a nosa disposición por mediación da súa santa Igrexa!


Galería de fotos: