O diaconado permanente
Por primeira vez en Ourense:
Por primeira vez na historia da Igrexa de Ourense, o 31 de marzo ordénase o
primeiro diácono permanente na S. I.
Catedral. Será ás 18.30. O Concilio Vaticano II restaurou o diaconado
permanente, reafirmando a tripla orde do ministerio ordenado: bispos,
sacerdotes e diáconos. Isto aclara que a escaseza sacerdotal non é o motivo da
ordenación dos diáconos permanentes, senón que con iso a Igrexa recupera a súa
plena identidade xerárquica.
Breve historia do diaconado permanente:
O diaconato aparece xa no Novo Testamento e é frecuentemente citado polos
pais da Igrexa e polos concilios dos primeiros séculos. A institución diaconal
floreceu ata o século V; máis tarde experimentou un lento descenso, acabando
por quedarse só como unha etapa intermedia para acceder ao sacerdocio. O
Concilio de Trento mandou que se restaurase o diaconado permanente, pero sen
accións concretas. O Concilio Vaticano II restitúeo como "o grao propio e
permanente da xerarquía". E, por último, o Código de Dereito Canónico,
promulgado en 1983 polo Papa Xoán Paulo II, integrou as disposicións que o
Concilio Vaticano II ordenara así como as ensinanzas sobre o tema do Papa San
Pablo VI. Nas diócesis españolas, as Normas prácticas para o establecemento do
diaconado permanente foron aprobadas en Decreto pola Sagrada Congregación para
os Sacramentos e Culto Divino con data do 29 de abril de 1978.
O diácono exerce o servizo ao Pobo de Deus nos tres ámbitos fundamentais da
misión da Igrexa: ensinar, santificar e guiar co testemuño caritativo-social.
Así, o diácono está chamado a anunciar o Evanxeo e a predicar. O diácono instrúe
o pobo de Deus a través da homilía, da catequese e dos distintos espazos de
transmisión da Palabra. No ámbito litúrxico e sacramental, o diácono participa
na acción santificadora do pobo de Deus. Así, preside a celebración dalgúns
sacramentos (bautismo e matrimonio), preside os ritos exequiais e tamén a Liturxia
das Horas, a oración dos fieis, e bendí ás persoas e ás cousas e, por riba de
todo, axuda ao Bispo e ao sacerdote na celebracións da Eucaristía. No ámbito
caritativo-social, de xeito preeminente, o diácono está chamado a ser dilixente
testemuño da caridade de Cristo, que veu para servir e dar a súa vida.
Cal será a súa misión na diocese de
Ourense?
Dentro das misión subliñadas e propias dos diáconos, a misión dos diáconos
serán aquelas que lle encomende o Sr. Bispo: asistir ao Bispo nas celebracións,
celebrar a Palabra, presidir celebracións en ausencia de sacerdotes, bautizar e
asistir aos matrimonios, homilías, catequeses, coidado dos enfermos e tamén presidir
as Caritas parroquiais, etc. Certamente serán de gran axuda para a Igrexa
diocesana.