San Xaquín e santa Ana
A Igrexa celebra hoxe a festividade de san Xaquín e Santa Ana, país da
Virxe María e avós do Neno Xesús. É festa grande na parroquia de Santiago das
Caldas, aínda que por dereito propio pertencíalle a celebración a parroquia de
Santa Ana do Pino por ser alí a patroa. “Santa Rita , Rita, Rita; o que se da
non se quita”. A ponte dooulle a filial do Pino unha das súas santas ben
queridas; pero a dación non foi completa, pois quedáronse cos festexos.
Esta celebración ten neste ano especiais matices por culpa do covid 19, que
tanto estrago fixo nas persoas maiores e, consecuentemente, nos avós e nas
avoas. Tanto é así que o Sr. Bispo vai presidir a celebración na que se terá un
recordo moi especial por tódolos falecidos a causa da pandemia, que levamos
padecendo. A celebración esténdese tamén a tódalas residencias de xeriatría,
que ten en san Xaquín e en santa Ana aos seus padroeiros.
Dinnos os estudosos da socioloxía que xa nada vai a ser igual a partires da
experiencia vivida nestes meses pasados e que non sabemos aínda o que nos
espera. Pero, sen dúbida algunha, o que non vai cambiar vai ser o amor e a
tenrura dos avós para os seus netos. As familias van encontrar sempre nas
xeracións cheas de anos, construtoras do presente, o agarimo preciso para
abrirlle camiño na vida a os máis novos. A xenerosidade dos pais e das nais nunca
se votará en falta, a pesares de que a nosa sociedade fora con eles egoísta e
inxusta.
Neste día a Igrexa réndelle verdadeira gratitude as persoas maiores, porque
elas, no medio do trafego do mundo, son quen de ir abrindo camiños para os máis
pequenos ao don da fe, a vivencia da esperanza cristiá e o encontro co amor de
Deus, noso Pai, guiándoos pola catequese da iniciación cristiá e da práctica
sacramental, que moitas veces os seus propios pais teñen esquecido.
Pero nunca é tarde para rectificar comportamentos errados de unha sociedade
e desviados do sentidiño común. A sociedade xirou cento oitenta graos no
enfoque e na actitude para a atención ás persoas maiores. Os médicos falan con
máis seriedade dos protocolos, os políticos, que nunca noutra se viron,
deféndense dos seus erros acusando e denunciando a os contrarios, os xornalistas
nas tertulias reparten mandobres, sen adquirir calquera compromiso. En
definitiva, todos temos dereito a vivir e todos temos dereito a unha sanidade a
altura dos tempos que corren sen espellismos nin complexos.