O día 15 de outubro, na Basílica de San Pedro de Roma, o
papa Francisco canonizaba a San Faustino Míguez, sacerdote
escolapio (nacido o 25 de marzo d0 1831 en Xamirás, aldea da parroquia de
Acevedo do Río, da nosa diocese de Ourense) fundador das Nais Calasancias. Hoxe
é festa para Igrexa e para tódolos ourensáns. Hoxe, na S. I. Catedral, presidida polo Sr. Bispo, D. Leonardo Lemos Montanet, misa en acción de grazas pola súa canonización, as 20.00 horas.
O haxiógrafos, cando nos narran a vida dos santos canonizados, fálanmos dos seus moitos milagres e das súas
virtudes vividas en grado heroico. A min gústanme máis as biografías que nos
falan de un neno, nado nunha familia cristiá en Xamirás, o benxamín de catro
irmáns, inquedo coma tódolos nenos e nenas; fálannos de como no seu fogar
aprende a amar e a ser amado polos seus pais e irmáns, como aprende a rezar e a
quererlle tamén a Deus, noso Pai, e a mamá do ceo, a Virxe María, na advocación
do Cristal ou da Aramada. Un neno que vai a misa da parroquia de Acevedo cos seus
pais e cos seus irmáns, que atende a catequese do Sr. Cura e vai completando a
súa iniciación cristiá coma os nenos e nenas dos pobos por aquel tempo.
Faustino é o benxamín da familia e seus pais queren darlle estudos; queren
que sexa un home de ben e de proveito.
E, ¿onde estudar? Daquela ten que ir interno ao Santuario dos Milagres.
Alí, co latín e mailo grego, coa gramática e a retórica, escoita falar moito da
chamada do Señor a vida consagrada e sacerdotal. A os pes da Virxe dos Milagres
Faustino vai medrando interiormente, vai encamiñando a súa maneira de ser e de pensar polos vieiros da vida
sacerdotal, pero como profesor, pois gústalle moito ser ensinante. Os seus
veciños recordábano como “un neno moi educado; que falaba con vellos e novos;
que tiña para todos unha palabra de consolo”. Esta é a mellor definición de un
santo.
Xa mociño, ingresa nas Escolas Pías de San Xosé de Calasanz e converte en
realidade o seu soño: ser escolapio, sacerdote e mestre de nenos e nenas, En San Fernando, en Xetafe, en
Celanova, entrégase en corpo e alma ao ensino dos máis pequenos e goza, véndoos
medrar, coma un pai co ben dos seus fillos. Na súa madureza , anos máis tarde,
aberto ás necesidades dos tempos e guiado polo Espírito do Señor, fundará as
Nais Calasancias, enriquecendo con este Instituto Relixioso a Igrexa con unha
pléiade de vocacións femininas a vida consagrada.
A min prímame a imaxe de San Faustino no deambulatorio da Catedral de
Ourense, rodeado de nenos, pais e nais, que escoitan con atención as ensinanzas
do noso santo, que tenta, como bo mestre, explicarlle os camiños da sabedoría,
que en Cristo, “camiño, verdade e vida”, alcanzará o cumio do saber. Cando
esteamos lendo este artigo, pensen que xa temos no ceo a un amigo e veciño, que
foi, é e será o noso grande intercesor.
¡Nora boa Ourense, nora boa Celanova, nora boa Acevedo do Río, nora boa Madres
Calasancias e nora boa a tódolos seus
alumnos!
Galería de fotos:
Galería de fotos:
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.