Misa Crismal
Hoxe pola tarde, as 19 horas, terá lugar na Catedral a consagración do santo Crisma e a bendición dos óleos dos enfermos e dos catecúmenos. Os señores arciprestes levaranos máis logo as súas zonas para que tódolos sacerdotes os teñan a man en cada unha das parroquias para que os usen en caso de que lles faga falta. Así como para o Santísimo Sacramento temos en cada parroquia o sagrario, así tamén debemos ter un lugar digno e apropiado para a reserva dos santos óleos. O santo Crisma dálle nome a misa de este día. Polo santo crisma recibimos a plenitude do Espírito Santo e configurámonos con Cristo, de quen recibe o seu nome este aceite consagrado. Utilízase nos bautizos, na confirmación, na ordenación dos sacerdotes e dos bispos e na consagración ou dedicación dos templos. O óleo dos catecúmenos úsase no bautismo e confire a forza necesaria para poder vivir a fe de maneira comprometida ao longo da vida. O óleo dos enfermos úsase para a unción dos enfermos en caso de enfermidade grave ou por conta dos moitos anos que se van tendo, que sempre son un risco que hai que ter en conta. Os enfermos reciben por esta unción a saúde do corpo e máis espírito e disponnos para unirnos ao Señor despois da morte.
Hoxe é tamén unha xornada eminentemente sacerdotal. Polo bautismo todos
participamos do sacerdocio do noso Señor Xesucristo. É o sacerdocio común dos
fieis. Pero tamén é un día no que o sacerdocio ministerial ten un apartado moi
sinalado, xa que nesta xornada de convención sacerdotal renóvanse as promesas
sacerdotais. Na misa crismal, presidida polo Sr. Bispo e concelebrada polo
presbiterio diocesano, renóvanse o compromiso de cumprir os deberes propios do
ministerio, o compromiso de dispensar os
sagrados misterios pola celebración da eucaristía e dos demais sacramentos, e o
compromiso de ser fieis no desempeño do ministerio da predicación e da acción
caritativo social. ¡Que bo día para rezar pola santidade dos sacerdotes e por
tódolos cristiáns para que vivamos e valoremos os sacramentos que Deus pon a
nosa disposición por mediación da súa santa Igrexa!