Mércores de Cinza
“Despois do entroido ven a Coresma”. O comezo
da Coresma caracterízase polo símbolo austero das cinzas, signo propio dos
antigos ritos penitenciais dos pecadores convertidos. O xesto de cubrirse con
cinzas ten o sentido de recoñecer a propia fraxilidade e mortalidade, que
precisa ser redimida pola misericordia de Deus. Lonxe de ser un xesto puramente
exterior, a Igrexa conservouno como un signo da actitude do corazón penitente
que cada bautizado está chamado a asumir no itinerario da Coresma. É preciso
que, cando participamos nesta celebración da imposición da cinza, comprendamos
o significado interno que invita á conversión e ao esforzo da renovación
pascual.
“Por riba ou por baixo, a coresma sempre cae en
marzo”: neste
tempo pídesenos aos fieis unha participación máis intensa e fecunda na Liturxia
Coresmal e nas celebracións penitenciais. E segundo as normas da Igrexa, que
nos acheguemos ao sacramento da penitencia e participemos, purificados dos
pecados, nos Misterios Pascuais. Coa Coresma comezamos o ciclo de Pascua, que
nos prepara para celebrar a Paixón, a Morte e a Resurrección do Señor e que
continuará durante cincuenta días ata a Pentecostes.
Na Coresma preparámonos para renovar as promesas
bautismais na noite da Vixilia de Pascua. E estamos chamados a volver a andar o
que temos desandado cos nosos pecados, practicando a penitencia, que se especifica na oración,
na esmola e no xaxún. Pola dificultade que entrañan estas prácticas, dise de algo difícil que “é máis longo que unha coresma”.
O tempo de coresma é tempo para converternos ao
Señor, celebrando dun xeito especial o sacramento da reconciliación onde,
confesando os nosos pecados, recibimos a absolución dos mesmos,
reconciliándonos coa Igrexa e con Deus. “A coresma e a xustiza están feitas para os máis
pobres”, pois os ricos non precisan da salvación e a xustiza adminístrana ao
seu xeito.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.