Festa
de san Xosé. Día do Seminario
Hoxe, 19 de marzo, festa do patriarca san Xosé, a Igrexa
en España celebra tamén o Día do Seminario, tendo en conta que a promoción das
vocacións ao sacerdocio é "unha misión de todos": das familias, das
parroquias, das escolas, dos movementos, grupos e asociacións.
Hai algúns anos lamentabamos a falta de vocacións para a
vida sacerdotal e consagrada. E tiñamos medo de que a cousa fora a peor: cada
vez menos sacerdotes para atender as nosas comunidades parroquiais; ¿que será das
nosas cidades e vilas no día de mañá?, preguntabámonos. Pero, con perspectiva
eclesiástica, temos que dicir que eses sentimentos foron superados pola
reacción de moitos leigos que tomaron conciencia da necesidade de participar
activa e conscientemente no ministerio pastoral da Igrexa. Os sacerdotes son
menos, pero con dedicación case exclusiva ao seu ministerio, prescindindo de
ocupacións que non lles son propias, e que deben desenrolar os laicos cristiáns.
De xeito que, aínda que temos poucos sacerdotes, contamos coa inestimable axuda
de tantos segrares nos distintos campos do traballo pastoral.
Ourense ten un Seminario vivo; é dicir, con seminaristas.
Non tantos coma noutros tempos, pero recibindo unha formación integral
(espiritual, intelectual e pastoral), que lles permita ser pastores para os
tempos que corren. Probablemente, aqueles de nós que nacemos xa fai algún
tempo, temos opinións diferentes sobre o seminario e sobre os novos
seminaristas. Pero tamén é certo que non caemos na conta de que a Igrexa
evoluciona e camiña ao ritmo que lle marcan os tempos. Os responsables dos
seminarios saben diso e esfórzanse por darlles a mellor formación aos novos
pastores, que a Igrexa precisa para a tarefa evanxelizadora.
Para o traballo da promoción vocacional pensamos nas
familias cristiás, nas comunidades parroquiais, nas escolas da Igrexa, nas concertadas
e públicas, nos grupos, movementos e asociacións da Igrexa, como lugar
apropiado para unha pastoral vocacional. Hai maneiras de pensar distintas sobre
a tarefa da promoción vocacional; pero a verdade é que, como din os bispos
españois, "a misión pertence a todos", especialmente aos sacerdotes.
Parabéns a todos os que levan o nome do patriarca San Xosé e a todos os pais
que descobren no varón Xusto ao modelo a imitar na súa vida familiar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.